"Só gaña a liberdade quen a reconquista todos os días"
Goethe

6/12/12

Presentación

Este espazo non ten outra pretensión que a de converterse nunha pequena fiestra na que reunir e compartir información e coñecemento.

Desde hai uns anos,  as palabras "crise" e "economía" están en todas as conversas. Forman parte do noso vocabulario habitual, xunto a expresións como "estivemos vivindo por riba das nosas posibilidades", "os recortes son necesarios", "non hai outra alternativa"... A realidade é a que temos, as orixes desta situación moi discutibles (ou non tanto) pero o futuro, desde logo, non pasa por unha única alternativa. En que tipo de cidadáns queremos converternos?, que modelo de sociedade queremos construir? Para dar reposta a estas cuestións, para a toma de decisións,  para empezar a construir o futuro, é necesario dispor de toda a información posible. Esta, xunto coa educación, o coñecemento, o saber, fanse imprescindibles.

Estamos na era da información ou, quizais, da (des)información? Hai establecido un "discurso único", ao que temos fácil acceso a través dos distintos medios de información tradicionais (radio, prensa, televisión...), pero existen outras visións da realidade. O acceso a estas fontes parece sinxelo, a través de internet podemos achegarnos a elas cun só click, pero, precisamente pola inmediatez e inmensidade da propia rede,  é necesario facer unha mirada crítica e, sobre todo, selectiva de todos eses contidos.

Os educadores que formamos parte deste modesto proxecto sabemos que o papel que temos asignado no mundo da educación está en pleno proceso de cambio. Noutros tempo eramos o almacén do coñecemento, porque o acceso ao mesmo era limitado, restrinxido. Agora tócanos desempeñar outro rol. 

As "fontes do saber" están a disposición de todos, pero correspóndenos a nós, educador@s, achegar a nosa formación, experiencia e capacidade crítica aos nosos alumn@s, para que saiban, e saibamos nós mesmos, facer unha lectura da realidade seria e responsable. Non se trata de aleccionar a ninguén. Desde aquí unicamente queremos facer visible a existencia doutros discursos, doutras formas de interpretar a realidade e doutras alternativas de sociedade.

Unicamente engadir que este é un espazo aberto, onde todas as suxestións serán ben recibidas e tidas en conta. 


"Só gaña a liberdade quen a reconquista todos os días"
Goethe