"Só gaña a liberdade quen a reconquista todos os días"
Goethe

20/7/13

España está secuestrada

Publicado por Juan Torres López en Público.es o 19 de xullo de 2013

Supoño que a mellor expresión da liberdade dun país é a que efectivamente teñen os seus cidadáns. E, dende ese punto de vista, creo que se pode dicir que España non é libre. Polo menos, dende maio de 2010, cando José Luis Rodríguez Zapatero cambiou de política e puxo a España á orde dos capitais financeiros e dos seus representantes políticos mundiais.

Dende entón, os españois non gozamos de liberdade. Puidemos votar sen coaccións, ben é certo (aínda que sen entrar na natureza da lei electoral, do desigual acceso aos medios ou ao financiamento, ou nos privilexios dos distintos partidos en contenda polo voto), pero tamén o é que non podemos evitar que os nosos representantes elixidos tomen decisións manifesta e materialmente contrarias aos programas que votamos, ou que fagan o que se comprometeron a non facer cando nos pediron o voto. Cambiaron a Constitución sen consultarnos e aplican políticas opostas ás que constan nos seus programas electorais sen que teñamos xeito de impedilo.

O propio presidente Rajoy recoñeceu no Parlamento que nin el nin os españois somos libres, e a práctica totalidade dos demais deputados e deputadas asumiuno sen chiar, sen reaccionar e sen que lles caese a cara de vergoña por aceptar en silencio unha auténtica condición de simples mariachis.
Os españois non somos libres para decidir a política económica que queremos que siga o goberno, nin para establecer en beneficio de quen debe tomar as súas decisións.


Os españois non somos libres para paralo os pés á Troika que ao servizo dos grandes banqueiros condiciona sen disimulo a política do goberno, arruinando con ela miles de empresarios e condenando o paro a millóns de persoas. Nin tampouco ás grandes empresas que se aproveitan do seu poder de mercado para elevar os prezos ao seu antollo obtendo beneficios extraordinarios, ou para impoñer condicións laborais e fiscais vergonzosas que lles permiten evadir impostos e desentenderse das necesidades sociais. E, por suposto, non temos liberdade para poder investigar os seus centos de comportamentos ilegais e abusos. Ou para evitar o tráfico continuo de políticos cara aos seus consellos de administración para venderlle favores e información privilexiada.

Os españois da pé non temos liberdade para emendar o camiño de enganos e traizóns polo que continuamente transita a clase política corrupta, de cuxos roubos temos que decatarnos por algúns medios (cando lles interesa informar diso) sen poder evitalo. E o tratamento recibido pola iniciativa lexislativa popular promovida pola PAH contra os desafiuzamentos ou o recurso do goberno central contra o decreto andaluz sobre vivenda demostraron que tampouco somos libres nin sequera no estreito marco concedido dentro do sistema institucional vixente.

As enquisas mostran claramente que a inmensa maioría dos españois desexa que se apliquen medidas económicas e sociais totalmente diferentes ás que veñen aplicando os dous últimos gobernos pero non hai xeito de influír e obrigar a que se adopten.

Non temos liberdade pola confianza ás cegas, cando non á marxe da vontade popular, concedida a un réxime de representación e goberno tan extraordinariamente imperfecto e servil, que non respecta principios elementais que debe ter unha democracia. Como imos ser libres para decidir cando os medios de comunicación ou son propiedade de grandes grupos empresariais e financeiros, aos que serven, ou, se son públicos, están só ao servizo de quen goberna?

Como imos ser libres se a xustiza que debería poñer as cousas no seu sitio está politizada e tantas das súas maxistraturas máis altas en mans de militantes obedientes dos partidos? Como podreciamos selo sen ter a posibilidade de discutir abertamente se queremos que a nosa capacidade de decisión pase a poderes alleos aos nosos intereses sobre os que non podemos influír? Como crer que somos libres se non podemos revogar os nosos representantes, se as institucións dos que nacen as decisións máis relevantes, como os bancos centrais, se atrincheiran fronte á vontade popular para defender sen disimulos e sen censura posible os intereses dos grandes grupos privados?

Agora ben, non todos os españois carecemos de liberdade. A falta de liberdade da maioría, que esta crise está a reflectir dun xeito tan evidente e mesmo recoñecido sen disimulo polos propios gobernantes, é a outra cara do inmenso poder de decisión que acumulou unha reducida minoría social á marxe do resto da cidadanía e das institucións representativas. Por iso creo que pode afirmarse que o que acontece é sinxelamente que España foi secuestrada. E por iso paréceme evidente que non é posible saír desta situación só logrando que sexa outras persoas, grupos ou partidos, por moi honestos que fosen, quen ocupen as institucións e gobernen.

A estas alturas fai falta algo máis: un cambio político auténtico e unha rexeneración moral profunda e radical das persoas, das normas e as institucións e da sociedade no seu conxunto. É dicir, de todo o que non funcionou ben.

España puido ser secuestrada porque as regras de xogo imperantes, o sistema de representación, os incentivos e as normas que regulan o funcionamento das institucións máis importantes, ademais, por suposto, dos suxeitos políticos que poderían usalas doutro modo ou cambialas, fallaron, se é que non estaban concibidas precisamente para que fallasen en momentos como este, cando aos de arriba, aos de sempre, lles conviña que España se quedase sen vontade cívica, sen unha representación popular fiel, honesta e valente.

Por iso paréceme que non é posible saír desta situación sen cambiar profundamente as grandes coordenadas do noso sistema político e das nosas relacións sociais, sen asumir antes que nada que España ten dereito a ser libre, é dicir, que ha de ser o seu pobo, os cidadáns, e non Europa, nin a Troika, nin un grupo de banqueiros ou grandes empresarios, que decidan o que hai que facer nunha conxuntura tan difícil como a presente. E, ademais, se non asumimos colectivamente que ningunha sociedade é viable baixo o principio de que todo vale ou permitindo que o afán de lucro e o egoísmo o dominen todo.

A situación na que estamos é escandalosa, é sinxelamente insoportable convivir con tanta corrupción, con tanto engano e abuso e cunha asimetría tan grande no trato que se dá aos que teñen todo e aos que apenas teñen nada. Non podemos seguir así. Temos o imperativo moral de rematar con todo isto e de axudar a abrir un debate social amplo e transparente sobre todo o que está a acontecer, algo que só pode vir de forzar a dimisión deste goberno vendido e sostido por un partido corrupto e da celebración de novas eleccións que abran paso a unha reconsideración da orde constitucional e moral prostituída que está na orixe dos nosos males.

No hay comentarios: